ACTUALIDADEspañol
TTEYQU NoticiasNoticias enlazadas con sus fuentes originales
La actualidad, más cercaTitulares actuales con atribución clara a cada medio.
Economía

Os socialistas galegos somos nós

Os socialistas galegos somos nós Houbo unha vez un secretario xeral do PSdeG-PSOE que nos preguntou de onde viña iso de PSdeG. Aquela persoa que acababa de ser elexida para ocupar esa importante responsabilidade política dentro do PSOE era aínda moi neno, iso

Imagen ilustrativaImagen ilustrativa

Os socialistas galegos somos nós

Houbo unha vez un secretario xeral do PSdeG-PSOE que nos preguntou de onde viña iso de PSdeG. Aquela persoa que acababa de ser elexida para ocupar esa importante responsabilidade política dentro do PSOE era aínda moi neno, iso é certo, cando o Partido Socialista Galego que se fundara o 23 de agosto de 1963 no despacho de Sebastián Martínez-Risco, na Coruña, e que nos anos setenta lideraba Xosé Manuel Beiras, se viu obrigado a defender as súas siglas históricas nos tribunais para que un inexistente PSOE en Galiza até despois da morte de Franco non se apropiase da marca do socialismo galego creado á marxe do PSOE e que levaba máis dunha década na resistencia contra o franquismo e facendo país.

Algo de historia sobre o socialismo galego

O PSOE en todos aqueles anos da ditadura non existira en Galiza como organización política. En 1975 a súa implantación organizativa en toda a xeografía galega non chegaba a media ducia de persoas. Esa foi a razón pola que o PSOE, nunha reunión que tivo lugar a comezos de 1977 na casa de Ramón Piñeiro, en Xelmírez, 15-4º, lle chegou a propoñer un pacto ao PSG para as primeiras eleccións democráticas, ofrecéndolle incluso os dous primeiros postos nas candidaturas ao Congreso nas catro provincias galegas. O obxectivo do PSOE era consolidarse como única organización socialista en todo o Estado español, apoiándose nas organizacións que integraban a Conferencia Socialista Ibérica. Tras o Congreso de Suresnes en 1974, o PSOE só quería a militancia e o prestixio dos dirixentes dos diferentes partidos socialistas, persoas como Joan Reventós, Xosé Manuel Beiras, Josep Pallach, Vicent Garcés, Ernest Lluch, Narcís Serra ou Raimon Obiols. E un tras outro, todos os partidos periféricos foron pactando, agás o PSG.

O que sucedeu despois, tras a negativa do PSG a ese pacto, é ben coñecido para moitas persoas e, desde logo, para a militancia daquel Partido Socialista Galego, que pagou moi caro nas urnas a súa coherencia política. Un PSOE liderado por Felipe González, co apoio do SPD, do PS de Miterrand, da Internacional Socialista, da Fundación Ebert e de todas as canles posíbeis de propaganda que había naquel momento, principalmente a televisión, fíxose de inmediato non só co apoio dunha parte importante da sociedade galega que se sentía antifranquista e de esquerdas, senón tamén, aos poucos meses, con varias ducias de dirixentes do PSG que tras os malos resultados electorais do 77 crean o Colectivo Socialista Galego-PSG e se pasan ao PSOE.

Foi xa daquela cando o Partido Socialista Galego se viu obrigado a concorrer ás primeiras eleccións democráticas que se celebraron o 15 de xuño de 1977 reivindicándose diante da sociedade como o verdadeiro socialismo galego. “Os socialistas galegos somos nós”, dicía un dos seus lemas. “Pra que os teus votos non emigren vota ao PSG”, dicía outro lema dos pexegos. Mais non conforme o PSOE con gañar o espazo electoral do PSG nas eleccións de xuño do 77 e a integración no partido dunha parte importante dos seus cadros políticos, o PSOE puxo, así mesmo, todo o empeño en apropiarse das siglas dos socialistas galegos, e aínda que non o logrou de todo, si conseguiu legalizar a marca PSdeG. Incluso no logo que actualmente utiliza o partido socialista en Galiza é doado ver como camufla a preposición “de” das siglas PSdeG na parte superior do “S”, xogando así coa confusión visual, que é outra maneira de usurpar unhas siglas que correspondían a unha organización histórica do nacionalismo galego.

Iso foi o que lle expliquei a aquel secretario xeral do PSdeG-PSOE que nin sequera tivera que coñecer a historia do socialismo galego para alcanzar o máximo cargo político no seu partido. Ben sabía eu que esa persoa tampoco dedicara un minuto da súa vida a preguntarse porqué aquel PSdeG-PSOE non fora quen de constituirse en grupo socialista galego no Congreso como si fixeron os socialistas cataláns e vascos durante as dúas primeiras lexislaturas, e iso que ese PSdeG-PSOE tiña como presidente do partido a Francisco González Amadiós, “Panchulo”, como secretario xeral a Xosé Luís Rodríguez Pardo e como vicesecretario a Ceferino Díaz, tres destacados socialistas procedentes do PSG.

A operación de galeguizar o PSOE desde dentro fora un rotundo fracaso. Quedaba máis que claro que un partido como o PSdeG-PSOE dificilmente podía profundizar no autogoberno e cambiar o peso político do noso país se ese mesmo partido era incapaz de cambiar desde o seo da organización o máis mínimo compromiso formal dese partido co país como era a súa expresión parlamentaria no Congreso, incluso tendo na súa dirección a militantes do vello PSG, como acontecía neses anos. Non é estraño, pois, que o goberno tripartito de Fernando González Laxe non se librara nunca da dependencia e da subordinación política a Ferraz. Tampouco foi estraño que o PSdeG-PSOE non tivera a coraxe necesaria para denunciar como o Partido Popular se fixo co escano 38 que lle deu a primeira maioría absoluta a Manuel Fraga no Parlamento galego. Faltáballe non xa a soberanía política que o PSG se negara a perder cando rexeitou o pacto co PSOE en 1977, faltáballe tamén a mínima autonomía para defender o país sen ataduras. González Amadiós tívoo moi claro e regresou á casa do nacionalismo, solicitando a alta no BNG en 1992 despois de ser presidente do PSdeG-PSOE.

Dous lemas como dúas grandes leccións de política

O que non lle dixen a aquel secretario xeral do PSdeG-PSOE é que aqueles dous lemas do PSG que eu puiden ler nunha volantina que atopei nunha cuneta da miña aldea, á beira da casa de Maruxa do Piro, xusto despois de pasar un Seat 127 con megafonía e tirando propaganda, lémbroo ben, o que non lle dixen á persoa da que estou a falar, digo, é que aqueles dous lemas foron absolutamente determinantes para min, para o meu pensamento político, aínda daquela en construción.

Aos meus dezasete anos quedoume claro dunha vez e para sempre que fronte aos partidos de carácter estatal como o PSOE había forzas políticas propias como o PSG e que, ademais, para que os nosos votos non emigrasen, para que o voto “útil” non acabe sendo un voto inútil para o país, tiñamos que apoiar as forzas políticas xenuinamente galegas, aquelas que foron creadas no país, por homes e mulleres do país, cun proxecto de país e só ao servizo do país, que naquel momento eran o PSG, o PGSD e as organizacións que integraban o Bloque Nacional-Popular Galego (AN-PG e UPG). Nin a asistencia a un mitin multitudinario de Santiago Carrillo en Ferrol no campo de fútbol “Manuel Rivera” nin toda a propaganda dun xa poderoso PSOE coa imaxe e o verbo de Felipe González logrou influír máis no meu pensamento político que aqueles dous lemas do PSG que atopei nunha humilde volantina impresa en 1977 en Gráficas Bemposta, que aínda conservo case 50 anos despois.

Outro lema que fará historia

Cando estes días leo nas redes sociais “En Galiza, BNG” non podo evitar que regresen de novo á miña mente aqueles dous lemas do Partido Socialista Galego, e sei que, igual que me sucedeu a min en xuño de 1977, haberá agora en toda Galiza moitísimas persoas que atoparán nese potente lema do Bloque Nacionalista Galego unha poderosa razón para coller con orgullo e con absoluta confianza a papeleta do BNG.

Escribo este artigo cando nos acaban de deixar nos últimos meses Manuel Caamaño e Xosé Manuel Beiras e hai só uns días Xosé Luís Méndez Ferrín. Escribo coa emoción e coa tristeza de quen está a vivir coa dor do corazón a perda dos seus referentes, dos seus mestres, das persoas que tanto influiron no noso pensamento, que tanto admiramos e quixemos e coas que vivimos días inesquencíbeis e os soños máis fermosos da nosa vida. Estamos asistindo á extinción dunha das grandes xeracións galegas, a máis importante despois da Xeración Nós. Á beira de todas esas grandes figuras (Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Bernardino Graña, Avilés de Taramancos…) aprendemos a amar o noso país e a saber que o primeiro é Galiza e son as forzas políticas que colocan o país e os seus problemas no centro do seu ideario político e das súas preocupacións. Como en 1977. Como cando houbo que dicir por primeira vez “Os socialistas galegos somos nós”.

Galiza, o noso país, sempre primeiro. Debémosllo ás xeracións que máis traballaron e nas condicións máis adversas para dotar ao país de forzas políticas propias. A xeración de Castelao e de don Ramón Otero Pedrayo a primeira. Pero, sobre todo, debémosllo ás xeracións de hoxe e ás que virán, que precisan un país diferente, unha Galiza distinta, nun Estado español respirábel, libre do franquismo e do fascismo, que non nos afogue como persoas libres que somos e como país que aspira a ser responsábel do seu presente e do seu futuro.

Hai razóns para rectificar a historia e para a ilusión. Temos a certeza de que o éxito político e electoral do BNG nestas eleccións xerais será o preludio da Galiza que vén. @mundiario

Fuente: MUNDIARIOLa imagen ilustrativa no documenta la noticia.
Leer en la fuente original ↗